Monday 29 de April de 2024

Un centenar de persoas avanzan en igualdade na andaina organizada polo Concello de Neda


A iniciativa incluíuse na programación do Mes da Muller

Un centenar de veciñas e veciños participaban esta mañá na Andaina Saudable “Avanzando en igualdade”, organizada polo Concello de Neda no marco da programación do Mes da Muller. Completaban así as prazas ofertadas na que será a primeira das camiñatas dun ciclo estable que terá continuidade ao longo dos próximos meses -ata xullo incluído-.

Así, as persoas participantes nesta primeira andaina partían do albergue de peregrinos puntuais, ás 10 horas, en dirección a Albarón. Continuaban cara Pename e Pontegrande, Combarro e Nogueirido, ata alcanzar o campo da festa dos Pazos. De aí, Fábrica do Monte ata a Silva, e regreso ao punto de partida dende Fábrica de Labora, zona dos Subarreiros e paseo marítimo. Un percorrido duns 10 km que completaron en algo máis de 2 horas e media, no que veciños e veciñas puideron desfrutar dalgunhas das mellores panorámicas da ría.

Acompañando aos e ás participantes, estiveron os voluntarios de Protección Civil, claves para levar a cabo unha iniciativa que se desenvolveu nun ambiente festivo, coa mente posta na celebración do Día da Muller e a necesaria reivindicación de avanzar no camiño da igualdade de oportunidades.